Noticias do clube
Dia do Rugby
Publicado o 23/06/09
O vindeiro 4 de Xullo organízase o primeiro día do rugby ourensán, un evento no que pretendemos xuntar a toda a xente que participou deste deporte nos mais de 30 anos de historia que o rugby ten na nosa provincia.
O evento será un lugar de encontro para veteranos, xogadores, e seareiros de todas as épocas que o
rugby viviu en Ourense. Un momento para o reencontro de compañeiros que non fai tanto compartían experiencias dentro e fora dun campo de rugby.
Durante a tarde do sábado, os veteranos que se animen tomarán parte en tocatas e partidiños.
Logo deles farase un grande terceiro tempo, e unha vez rematado iremos de cea a un restaurante na
cidade.
Avísanos da túa participación para facer a reserva no restaurante.
Podes contactar con nos por email: arvo@ourenserugby.com ou ben por teléfono 988250137.
Voltan os Foros de Ourense Rugby
Publicado o 02/06/09
Xa están dispoñibles de novo os foros de Campus Ourense Rugby.
Podes crear unha conta e acceder a eles dende a nosa web http://www.ourenserugby.com
Agardamos sexan de utilidade para a comunicación de xogadores e seareiros do rugby ourensán.
Saúdos a todos.
... e o rugby voltou a Monterrei
Publicado o 25/05/09
Vitoria de Campus Ourense Rugby fronte a As Pontes no encontro disputado na tarde do Sábado en Monterrei.
Despois dun ano ausente, por fin voltaba o rugby ao campo de Monterrei, neste caso para acoller o encontro amigable contra Fendetestas de As Pontes.
O partido tivo un ritmo lento, típico dun encontro de post-tempada sen presión nen demasiada ambición por parte dos dous equipos.
O choque serviu para que debutasen co Campus moitos rapaces chegados das categorias inferiores, que amosaron un bo nivel e se integraron perfectamente co sistema do equipo.
Ao final do encontro impúxose o Campus con un resultado de 48-10.
Encontro amigable contra As Pontes
Publicado o 17/05/09
O vindeiro sábado 23 ás 18.30 horas o equipo sénior de Campus Ourense Rugby disputará un encontro amigable contra Fendetestas As Pontes. O encontro será o primeiro que se disputa este ano en Monterrei.
Para este encontro Ernesto poderá contar cos xogadores da canteira que se incorporan ao equipo sénior.
Derrota equipo Xuvenil no Campionato de España
Publicado o 06/04/09
O equipo xuvenil de Campus Ourense Rugby perdeu o sábado en Valladolid no partido da primeira fase do Campionato de España xuvenil contra o VRAC Quesos Entrepinares. O equipo castellano aproveitou ao máximo a experiencia e o maior tamaño dos seus xogadores para dominar o encontro dende os primeiros minutos. Pouco puideron facer os xogadores ourensáns para evitar que o encontro finalizase cun resultado de 50-5.
O ensaio de Iago por parte do Campus nos derradeiros minutos demostra que os ourensáns loitaron ata o final do partido.
Con este encontro o equipo xuvenil remata a tempada oficial tendo realizado un gran ano, perdendo só dous encontros na liga na que foi líder ata a derradeira xornada.
O ano que ven moitos dos integrantes deste equipo pasarán a formar parte do equipo sénior, dándolle seguro un grande pulo.


